Paquetes turísticos e monicreques, as novidades do Entroido dos Xenerais da Ulla

Nos oito concellos que colaboran no Entroido dos Xenerais da Ulla, este ano celebraranse 28 altos ou atranques. Xenerais e correos engalanados conforman a espectacularidade desta auténtica expresión do entroido tradicional galego, mantendo cada parroquia trazos definitorios que os fan únicos.

Na rolda de prensa de presentación do programa do Entroido dos Xenerais da Ulla participaron os alcaldes de Santiago, Martiño Noriega; Vedra, Carlos Martínez; Boqueixón, Manuel Fernández; Touro, Ignacio Codesido; Vila de Cruces, Jesús Otero; e Silleda, Manuel Cuíña; as concelleiras de Turismo de Santiago, Marta Lois, e de Teo, Conchi García; e o concelleiro de Medio Rural da Estrada, Juan Manuel Constenla. No acto, celebrado no salón vermello de Raxoi, recreouse un alto por parte de catro xenerais, dous de Boqueixón e dous de Vila de Cruces. Tamén se presentou un vídeo sobre os Xenerais da Ulla na comarca elaborado polo alumnado do IES de Chacheiras co apoio dos oito concellos. 

Coa colaboración de Área Santiago e Viaxes Alma Gaia, concretáronse paquetes turísticos para os días 11, 25 e 28 de febreiro, con excursións para coñecer os pazos da Ulla, as paisaxes deste val e os atranques de Vilanova (Vedra) e Fao (Touro). Estas excursións inclúen nos seus itinerarios a visita á exposición fotográfica dos Xenerais da Ulla, que estará situada na Casa dos Peóns, no Concello de Vedra.

Outra innovación do programa son as representacións de acceso libre de monicreques As Xeneralas da Ulla, de Títeres Cachirulo, que percorrerá os oito concellos nos que se mantén viva esta tradición.