Os destinos intelixentes consolidan un turismo competitivo

A Xunta está a implicarse no impulso dos destinos turísticos intelixentes porque axudan a consolidar un sector turístico galego “competitivo, innovador e cunha visión internacional”. Así o expresaba Nava Castro no acto de presentación dos resultados da avaliación da norma de xestión de destinos turísticos intelixentes do concello de Sanxenxo, levado a cabo por Segittur. 

Alí lembrou que, con ese acto, Sanxenxo convértese no segundo destino de España no que Segittur avalía a norma UNE de Aenor algo que lle facilitará poder ter, a partir de agora, toda unha folla de ruta dos novos modelos de xestión que deben seguir os destinos turísticos neste século XXI.

“A súa aplicación permitirá mellorar a experiencia do turista antes, durante e despois da viaxe, así como aumentar a competitividade e mellorar o posicionamento turístico de Sanxenxo”, resaltou a directora de Turismo de Galicia.

Neste sentido, Nava Castro referiuse á aposta dos últimos anos da Administración autonómica pola innovación e tecnoloxía con numerosas liñas de acción como a posta en marcha do Plan Smart Turismo, o desenvolvemento do proxecto Smart Camiño ou os Smart Destinations.