O Diario Oficial de Galicia publicou o decreto polo que se establece a ordenación dos apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico na Comunidade Autónoma de Galicia que entrará en en vigor o 10 de maio de 2017.
Esta nova regulación é necesaria debido a modificación realizada polo Estado en 2013 na Lei de Arrendamentos Urbanos, obrigando as Comunidades Autónomas a que exerzan a súa competencia exclusiva para a regulación de vivendas de alugueiro de uso turístico co obxectivo de cubrir o baldeiro legal ocasionado pola exclusión desta tipoloxía.
O cambio produciuse como consecuencia da proliferación, tanto a nivel nacional como internacional, da tendencia de alugar por días ou semanas a vivenda habitual para fins turísticos, que se viu favorecido polo desenvolvemento das novas tecnoloxías, dando lugar á creación de empresas que a través das súas páxinas web ofertan este tipo de aloxamentos para a súa contratación en liña dun xeito rápido e sinxelo.
O obxectivo desta nova norma, polo tanto, é erradicar as problemáticas máis relevantes vinculadas a esta actividade, como o impacto económico-social, fiscalidade e tributación, garantía, seguridade e satisfacción das persoas usuarias, calidade da oferta, molestias xeradas aos residentes e á cidadanía, intrusión ou competencia desleal, entre outras.
Así, a principal novidade deste decreto é a introdución da regulación das vivendas de uso turístico, na que se conteñen os requisitos e servizos mínimos dos que deberá dispoñer e o seu réxime de funcionamento e do exercicio da actividade.
Esta nova normativa cumpre, deste xeito, unha demanda do sector turístico, o cal manifestou en numerosas ocasións a necesidade de regular este tipo de aloxamento, debido ao seu forte impacto e á competencia desleal que supón respecto do aloxamento turístico regrado.