Buscar/Hemeroteca

jueves, 2 de febrero de 2017

"Museo de Pontevedra. Pasado, Presente, Futuro"

A Deputación organiza un acto para compartir coa cidadanía e cos traballadores e traballadoras do Museo de Pontevedra o Premio da Cultura Galega concedido á institución museística no apartado Patrimonio Cultural.

O acto, Baixo o epígrafe "Museo de Pontevedra. Pasado, Presente, Futuro", estará presidido pola presidenta do ente provincial, Carmela Silva, e terá lugar o vindeiro sábado día 4 de febreiro ás 19 horas no Sexto Edificio. Así o anunciaron o deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, e o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle. Todas as persoas interesadas en asistir a este acto poderán facelo previa recollida do correspondente convite no mostrador de entrada do Sexto Edificio.

"Con este acto institucional queremos introducir ademais novas disciplinas que conecten coa idea de pasado, presente e futuro desta institución" indicou Xosé Leal. O deputado fixo públicas as actuacións previstas, a través das que se tratará de conxugar tradición con contemporaneidade. Así, a primeira actuación corresponderá ao violinista Sergio Heredia, que interpretará pezas de Manuel Quiroga, nunha clara referencia á historia e aos fondos do Museo. Tamén fará unha breve intervención a cantautora Alba María acompañada do músico Felipe Villar, que interpretará un tema de composición propia incluído no seu traballo "Aínda" e unha peza repentizada, isto é, unha performance literaria a través da improvisación oral. No eido da perfomance tamén terá presenza a poeta Tamara Andrés, que será a encargada de poñer sobre o escenario unha peza na que combinará poesía e audiovisual. E por último, a música tradicional combinada con danza contemporánea e con baile tradicional correrá a cargo de Davide Salvado que estará acompañado de Daniel Pardo e Rosi Leiro. "Temos un Museo cun pasado excepcional, cun presente no que destaca por ser un Museo de referencia tanto pola colección permanente como polas exposicións temporais, e cun futuro no que queremos que siga sendo un espazo vivo e chegar a novos públicos, e neste sentido parécenos moi axeitado introducir elementos novos para que a xente se sinta identificada con este Museo" asegurou Xosé Leal.

Ademais do apartado artístico, o acto contará coas intervencións institucionais do propio deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, da presidenta da Deputación, Carmela Silva, do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e do director do Museo, Carlos Valle, que intervirá no nome de todo o equipo da institución museísitica.

No hay comentarios: