Mar asina acordo co Galp do Golfo Ártabro

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o presidente do Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro 8 – Golfo Ártabro Sur, Andrés García Boutureira, asinaron o convenio de colaboración para o desenvolvemento das súa estratexias de desenvolvemento local participativo no período de programación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020. O investimento total para a execución do convenio é de 4 millóns de euros.

A través deste acordo, o GALP do Golfo Ártabro Sur (que engloba aos municipios de Bergondo, Sada, Oleiros, Cambre, A Coruña e Arteixo) poñerá en marcha proxectos que fomenten a diversificación das áreas costeiras, o que redundará en beneficios para o tecido socio-económico destes concellos. Coa sinatura deste convenio cóbrense todas as zonas litorais a través dos grupos de acción local do sector pesqueiro e foméntase o desenvolvemento local participativo dunha área que ata o momento non se cubrira.

Ademais, para asegurar o debido cumprimento dos acordos de colaboración, crearase unha comisión de seguimento composta por dous membros da dirección xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e outros dous de cada GALP. Esta comisión será o mecanismo que garantirá a efectividade do convenio e solventar as dúbidas que se poidan presentar na súa aplicación. Estará vixente ata transcorridos 5 anos desde o último pagamento realizado, de xeito que o GALP non poderá disolverse ata que pase dito período. 

Este convenio súmase aos outros 7 asinados a comezos do ano 2016. Así, a Consellería do Mar pon a disposición dos grupos máis de 52,6 millóns de euros, coa finalidade de que teñan unha repercusión positiva no fomento do desenvolvemento local participativo nas áreas costeiras, o que redundará en beneficios para o tecido socio-economico destas áreas. Concretamente ao GALP da zona da Mariña Ortegal correspóndenlle máis de 7,6 millóns de euros para a execución de proxectos, ao do Golfo Ártabro Norte máis de 6,1 e ao da Costa da Morte máis de 7,3 millóns de euros. No caso do grupo da Ría de Muros-Noia, disporá dun importe superior aos 9,4 millóns, o da Ría de Arousa de máis de 7,4 millóns, o da Ría de Pontevedra de preto de 5,8 e o da Ría de Vigo-A Guarda contará con 5 millóns para a posta en marcha das súas iniciativas.