Buscar/Hemeroteca

miércoles, 22 de febrero de 2017

Ferrolterra como referente turístico para a práctica do surf

Nna presentación das actuacións de promoción do destino turístico Ferrolterra-Rías Altas, celebrada no Antigo Hospicio de Ferrol, a Deputación da Coruña promocionou Ferrolterra como referente turístico para a práctica do surf. 

O acto contou coa participación do presidente provincial, Valentín González Formoso, do alcalde de Ferrol e presidente da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, Jorge Suárez, e da directora xeral de Turismo da Xunta de Galicia, Nava Castro, ademais de diversos empresarios turísticos, aos cales estaba especialmente dirixido o evento.

Presentouse durante o acto a web da marca Costa das Ondas, financiada pola Deputación da Coruña, e que serve de escaparate tanto para as principais praias za zona como para as empresas que prestan servizos aos surfeiros nos 21 concellos que integran a Mancomunidade (Ares, Cabanas, A Capela, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, As Pontes de García Rodríguez, Pontedeume, San Sadurniño, As Somozas, Valdoviño e Vilarmaior).

O presidente provincial afirmou que a través da nova web créase "unha gran comunidade que fortalecerá o tecido empresarial", contribuíndo a fixar poboación e diversificar a economía nos concellos máis pequenos. A comarca, ademais de contar con praias recoñecidas a nivel internacional para a práctica de deportes acuáticos, dispón de 12 escolas e entidades deportivas e 14 empresas que ofrecen servizos complementarios, coma poden ser o aloxamento ou a restauración, especialmente dirixidos aos surfeiros. 

A marca Costa das Ondas busca reforzar o turismo de surf coma sinal de identidade da comarca, "consolidando a oferta e adecuándoa ás actuais demandas e tendencias do mercado", explicou González Formoso, e engadiu que entre os beneficios esperados atópanse a desestacionalización e a afluencia continua de visitantes, ademais dun pulo a outros destinos turísticos próximos como poden ser o Parque Natural das Fragas do Eume ou o Lugar de Importancia Comunitaria Xubia-Castro.

A Deputación da Coruña financiou un proxecto para elaborar un censo detallado dos servizos e infraestruturas vinculadas ao turismo de surf, así como unha planificación dos investimentos necesarios para mellorar a experiencia deste tipo de turistas. Neste sentido, González Formoso lembrou que a Deputación é a administración que máis liñas de axudas ofrece para realizar este tipo investimentos, coma as subvencións en materia de promoción económica, turística, infraestruturas e equipamento deportivo ou para a contratación de persoal nas oficinas de turismo municipais. Doutra banda, o compromiso da institución provincial coa comarca de Ferrolterra evidenciase no apoio a eventos coma o "Pantín Classic Pro" ou o Festival de Música Celta de Ortigueira, e na promoción do patrimonio natural cultural e etnográfico a través das rutas de turismo industrial ou do Camiño Inglés.

No hay comentarios: