Exportación de viño ourensán a Estados Unidos coa “International Spirits and Wines”

O Pazo Provincial ourensán acolleu unha reunión para analizar as posibilidades de exportación de viño ourensán a Estados Unidos, coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, os representantes dos consellos reguladores do Ribeiro, Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra, Felicísimo Pereira, Francisco García, José Antonio Dasilva e Marta Villén; o xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, e Glenn Albright, directivo da corporación americana “International Spirits and Wines”. 

O presidente do goberno provincial dixo que esta importante canle de comunicación empresarial “establécese como consecuencia da misión comercial USA-Ourense, celebrada en xuño de 2016, contacto ao que prestaremos a nosa colaboración en favor do sector do viño en Ourense, facendo o seguimento desta porta comercial que hoxe abrimos”, remarcando que Glenn Albright “coñece as especificidades e a calidade dos viños das denominacións de orixe ourensás, testou os nosos caldos e visitou adegas de cada consello regulador, e na reunión de hoxe a Deputación de Ourense pon a disposición do sector do viño unha canle de comercialización directa cun mercado tan potente como o estadounidense”. 

Manuel Baltar afirmou que o papel da Deputación de Ourense, neste caso, “é xerar posibilidades e espazos que faciliten a distribución dos nosos produtos de calidade para que agora, as empresas vitivinícolas da nosa provincia, co liderado dos consellos reguladores, estuden as propostas de comercialización 

Baltar saúda “moi positivamente” a reunión, celebrada para abrir unha posibilidade enorme para o potencial deste sector na provincia de Ourense,“e a partires de agora estaremos moi atentos ao desenvolvemento dos seguintes pasos, para apoiar institucionalmente todo o que sexa posible desde a Deputación. 

Así mesmo, Glenn Albright presentou aos consellos reguladores o proxecto comercial que a súa corporación desenvolve, dirixido a consumidores que buscan experiencias vitivinícolas de territorios diferentes aos xa coñecidos no mercado USA. Actualmente, “International Spirits and Wines” importa viños de prestixio de países como Chile, Francia, Italia, Arxentina, Portugal, México e tamén comercializa caldos de Estados Unidos. A compañía ten a súa sé en Nova York e traballa no mercado de distribución de bebidas espirituosas e viños de alta calidade desde o ano 2008. 

Albright, quen visitou estes días adegas das catro denominacións de orixe ourensás, afirma que a súa intención “é desenvolver unha plataforma para os viños de Ourense, e teño que agradecer a Manuel Baltar porque o seu labor fixo que eu me implicase neste proxecto, xa que toda esta iniciativa comezou na misión comercia USA-Ourense de 2016, e agardo que de aquí xurdan oportunidades de negocio”.