Éxito da Rede Museística da Deputación de Lugo no 2016

Durante o ano 2016 a Rede Museística Provincial da Deputación rexistrou un incremento no número de visitas , pois foron un total de 104.811 nos 4 museos que conforman a Rede Museística Provincial de Lugo: Museo Provincial de Lugo, Museo Pazo de Tor, Museo-Fortaleza San Paio de Narla, e Museo Provincial do Mar.

A Deputada de Cultura, Artesanía e Deseño, Pilar García Porto, subliñou que “dende o Goberno Provincial programamos actividades, exposicións e visitas ao longo do ano co obxectivo de aproveitar o noso patrimonio material e inmaterial, ao tempo que fomentamos o turismo cultural. Cómpre destacar que o número total de visitantes aumentou un 8% en relación co ano 2015, xa que se rexistraron 8.369 persoas máis nos 4 museos da Rede Museística Provincial de Lugo”.

O número de visitas nos museos máis pequenos da Rede aumentou con respecto ao ano 2015. No Museo-Fortaleza San Paio de Narla foron 4.266 visitantes máis, en total 24.403. No Pazo de Tor foron 1.526 visitantes máis, en total 10.592 e no Museo Provincial do Mar foron 1.696 visitantes máis, en total 22.312.