A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) vén de inscribirse
coma organización no rexistro nacional da pegada de carbono da Oficina Española del Cambio Climático, un organismo dependente do Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación y Medio Ambiente (MAPAMA). Trátase do primeiro centro enolóxico estatal que dá este paso, o que implica unha serie de compromisos co medio ambiente.
Ángeles Vázquez e Juan Casares |
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, quixo felicitar á Evega por este avance e reuniuse co seu director, Juan Casares, ao que lle agradeceu tanto o traballo diario que desenvolven no centro a favor do sector vitivinícola coma esta innovación en concreto coa que a Evega se transforma en pioneira. A titular autonómica sinalou que “combinar a labor do agro co respecto ao medio ambiente ten que ser unha prioridade nesta consellería”.
Así, a Evega calculou a pegada de carbono derivada do seu funcionamento cotiá e elaborou un plan de redución das súas emisións. O valor para o ano 2015 foi de 51,64 toneladas de dióxido de carbono equivalente, unha cifra que nos coloca no nivel medio-alto da táboa, aínda que normal para un organismo de investigación e coas características estruturais do noso centro.
Como mostra do seu compromiso ambiental, o centro tamén estableceu a pegada de carbono do viño institucional que elabora, tanto branco coma tinto, e do que este ano será a segunda colleita. Neste caso, as pegadas de carbono obtidas son moi baixas: 965 gramos de CO2 para o branco e 911 para o tinto, e irán consignadas na contraetiqueta das botellas. Isto é debido ás especiais características do proceso produtivo: produción moi controlada, adega preto do viñedo e maquinaria eficiente.
A pegada de carbono é un indicador medioambiental que expresa a cantidade de gases con efecto invernadoiro emitidos á atmosfera por mor da fabricación dun produto ou derivado do funcionamento dunha organización. Polo tanto, mostra a contribución dunha organización ou produto ao problema do cambio climático a través das emisións derivadas dos procesos que desenvolve.