"Compostela Viva" nova ruta do Tren Turístico de Santiago

O Tren Turístico de Santiago contaba cunha única ruta circular que partía e chegaba á praza do Obradoiro, cun percorrido duns 50 minutos que bordeaba o Casco Histórico. No ano 2016, arredor de 100.000 persoas empregaron este servizo para coñecer a cidade, unha cifra que amosa a súa importancia como ferramenta para xestionar os fluxos turísticos en Compostela.

Có obxectivo de que con unha segunda ruta os turistas e visitantes poidan coñecer outras partes da cidade máis alá do Casco Histórico, dende a concellería de Turismo, Marta Lois presentou as melloras que se inclúen nos pregos de condicións do concurso para a explotación do servizo do Tren Turístico de Santiago, que aprobou o Consello de Administración de Incolsa e que se publicaron no BOP da Coruña.

Entre as melloras están a creación da nova ruta e a posibilidade de subir e baixar en diferentes puntos da cidade. A nova ruta do Tren Turístico, que se chamará Compostela Viva, percorrerá os espazos verdes e novas arquitecturas da cidade. A ruta pasará polo Bosque de Galicia, a Colexiata de Sar e os grandes parques da cidade, como o Eugenio Granell, Brañas de Sar, Carlomagno, Alameda, Parque da Música, Belvís…

Buscando unha maior transparencia no proceso de adxudicación, tamén se introduce unha mellora no proceso administrativo de concesión, xa que a adxudicación resolverase por fórmulas ou criterios cuantificables, evitando así os informes de valoración de criterios cualitativos, non medibles.