Manuel Baltar, en representación dos territorios termais de Europa, presenta en Bruxelas o “Atlas Termal”, a maior base de datos europea no ámbito do termalismo. Esta ferramenta estrutúrase nun Sistema de Información Xeográfica con categorías que abranguen datos de: municipios, mananciais, fontes, balnearios, hoteis, vilas termais, ocio, natureza, servizos, industria, investigación, eventos, imaxe e turismo.
Acompañado de Paul Simons e Mario Crecente, presidente e vicepresidente do comité científico da Rede de Territorios Termais de Europa, Baltar expuxo diante do departamento de referencia de Termalismo na Comisión Europea as liñas de actuación do “Atlas termal”.
Trala aprobación en outubro pasado do ingreso da provincia de Ourense na Asemblea Xeral da Asociación Europea de Cidades Termais Históricas (EHTTA), Manuel Baltar vén de ser designado representante dos territorios termais europeos para presentar en Bruxelas “unha ferramenta que permitirá coñecer máis e mellor os recursos das provincias, das cidades e das vilas termais de Europa”, explicou Baltar, destacando que a provincia de Ourense “terá un papel protagonista, dadas as singularidades de saúde, ocio e natureza que ofrecen o noso termalismo e a “marca Ourense”.
O “Atlas Termal de Europa” ten como finalidade compilar e xestionar a información sobre recursos e valores dos territorios termais europeos desde o punto de vista natural, cultural e intanxible. Este proxecto tivo a súa orixe no Comité Científico da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais (EHTTA) e no Itinerario Cultural Europeo das Cidades Históricas Termais, avalado polo Consello de Europa, e foi desenvolvido por un equipo multidisciplinar de expertos en termalismo, patrimonio, historia, paisaxe, urbanismo e turismo, coordinados por Mario Crecente, redactor do plan “Ourense, a provincia termal”.