A Xunta organiza un campamento xuvenil de verán no Invernadoiro

A Xunta de Galicia organiza por primeira vez un campamento xuvenil no Parque Natural do Invernadoiro. Trátase dunha das novidades que introduce o convenio de colaboración asinado entre as consellerías de Medio Ambiente e Política Social para a posta en marcha de actividades para a organización e o desenvolvemento conxunto de actividades de conservación, protección e fomento do patrimonio natural, cun investimento de 80.000, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Este campamento estará dirixido a mozos e mozas de entre 15 e 17 anos e celebrarase no mes de xullo no marco do programa Acción de Verán da Consellería de Política Social.

Tal e como destacou a conselleira de Medio Ambiente, os participantes terán a oportunidade de coñecer e vivir o día a día nun espazo excepcional, ao tempo que se potencian os valores polo coidado do medio ambiente. Unha tarefa- que segundo manifestou Mato Otero- “é interxeneracional, xa que dende os máis mozos ata as persoas máis experimentadas deben colaborar”. 

O convenio asinado é o marco organizativo e legal para o desenvolvemento das accións que ambos departamentos levan realizando ao longo destes anos, como os campos de traballo ou os programas de voluntariado e que nesta edicións se amplía coa organización do campamento xuvenil e tamén do programa Dinamizando o Medio Ambiente. A previsión é chegar a un participación de 600 persoas no conxunto de programas recollidos neste convenio de colaboración.