Buscar/Hemeroteca

miércoles, 8 de febrero de 2017

A Festa da Lamprea, atractivo e reclamo turístico

A directora de Turismo de Galicia destaca que a Festa da Lamprea constitúe un gran atractivo turístico para Galicia como destino e fixo fincapé en que a declaración de Interese Turístico Nacional acadada o pasado ano por esta festa recoñece tanto a súa antigüidade, arraigo e continuidade como a súa singularidade.

Así o destacaba Nava Castro esta tarde na presentación da LVII edición da Festa da Lamprea de Arbo, que tivo lugar na Casa de Galicia en Madrid. Ao acto tamén asistiron a secretaria de Estado de Turismo, Matilde Pastora; o director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega; o alcalde de Arbo, Horacio Gil; e o presidente do Consello Regulador Rías Baixas, Juan Gil.

A directora de Turismo de Galicia sinalou que tanto a Festa da Lamprea en si mesma  así como todas as actividades lúdicas e culturais que completan o programa desta celebración constitúen un gran atractivo turístico para a nosa comunidade como destino.  Neste senso, afirmou que dende Turismo de Galicia impúlsase a súa promoción xa que a súa celebración supón un importante reclamo de atracción turística.

Nava Castro explicou que dende a Xunta apóstase pola promoción e mellora das festas de exaltación de produtos enogastronómicos, especialmente as declaradas de Interese Turístico, mediante a consolidación de criterios homoxéneos de calidade e a promoción e valorización dos produtos sostibles e de calidade. “Deste modo, a aposta polas celebracións gastronómicas tradicionais que xeran experiencias únicas no destino, como é o caso da Festa da Lamprea de Arbo, ocupa un lugar moi relevante na política turística do Goberno galego”, sinalou.

Por outra parte, Nava Castro fixo referencia ao novo produto turístico promovido por Turismo de Galicia entorno a este particular peixe e a súa captura, a Ruta da Lamprea.Segundo explicou a responsable de Turismo da Xunta, esta ruta combina os numerosos recursos vinculados á lamprea de cada unha das zonas dos tres ríos nos que habita en Galicia, o río Miño, Tambre e Ulla, coa visita a lugares de interese natural e cultural da súa contorna como miradoiros, paseos, pontes ou capelas entre outros. Así mesmo, ofrece multitude de restaurantes que permiten degustar este manxar de maneiras moi diversas.

No hay comentarios: