A Deputación de Pontevedra colaborá coa Cidade Europea do Viño

Comezaron a concretarse as actividades coas que a Deputación de Pontevedra apoiará ao concello de Cambados durante todo este ano 2017, no que a vila do Salnés foi nomeada "Cidade Europea do Viño". Tal como salientou a presidenta provincial, Carmela Silva,"imos asinar un convenio onde todas estas actividades estarán claramente delimitadas, amosando que o compromiso da Deputación de Pontevedra con Cambados é total xa que as palabras as pode levar o vento pero os convenios son de obrigado cumprimento".

A presidenta asegurou que "durante a reunión xa comezamos a falar de actividades concretas xa que, para a Deputación, este nomeamento é fundamental para toda a provincia" e fixo un chamamento "a todas as Administracións para que se comprometan e estean do lado de Cambados, apostando por ela para se converter no centro do viño en toda Europa". A este respecto, asegurou que "imos facer que quen propuxeron e decidiron que Cambados sexa a Cidade Europea do Viño se sintan moi satisfeitos e satisfeitas, orgullosos e orgullosas e teñan a seguridade de que acertaron". 

A alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, sumouse á petición de axuda ao conxunto das Administracións e asegurou que "para Cambados este nomeamento supón unha grande responsabilidade que non poderíamos asumir se non fose pola colaboración da Deputación de Pontevedra, que respondeu axiña cunha dispoñibilidade absoluta e mesmo foi a única Administración que estivo ao noso lado en Fitur nese momento tan importante para o noso concello".

Entre as actividades que se comezaron a barallar atópase a celebración dunha "acción conxunta de todos os Festivais Rías Baixas, que se agruparon o ano pasado por primeira vez cun éxito notable", que se materializará "na realización dun evento musical en Cambados na primavera, como algo especial e específico para celebrar este nomeamento". Ademais, Cambados tamén terá presenza nos programas do servizo de Cohesión Social e Xuventude da institución provincial "En ruta coa Depo" e "Depo Andainas" "no apartado de diversidade funcional, xa que queremos que as actividades que organizamos sexan accesibles a todos e a todas", sinalou o concelleiro de Enoturismo de Cambados, Xosé Ramón Abal, que tamén avanzou que "a Final da Copa de Fútbol Deputación de Pontevedra feminina vai ter lugar en Cambados cun premio vinculado coa Cidade Europea do Viño pola Igualdade".

Cambados tamén acollerá actividades gastronómicas como exhibicións ou showcookings nos que "imos vincular a todos os centros de formación que xa traballan coa Deputación de Pontevedra para que poidan desenvolver a formación que están adquirindo nas nosas actividades", afirmou o concelleiro. Respecto ás actividades que se materializarán no convenio, Carmela Silva asegurou que "temos que establecer un calendario porque moitas delas son actividades complexas, que nos farán ter que falar con outros actores". A Deputación de Pontevedra tamén colaborará na divulgación e promoción e na creación de estilos e deseños para estas actividades.