A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, inaugurou en Ourense a 18ª Edición do Salón Galego da Gastronomía e o Turismo – Xantar 2017, onde destacou a gran proxección nacional e internacional que ten este evento entre o sector gastronómico.
A conselleira, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, e outras autoridades, sinalou que esta cita celébrase na mellor época do ano, pois é cando a gastronomía galega máis enxebre acada o seu maior esplendor entre os cocidos, os produtos da caza, o lacón con grelos ou as filloas. Neste senso, Ángeles Vázquez remarcou que é importante dar a coñecer a gran calidade dos produtos galegos porque ademais dun sinal de identidade propio é unha gran fonte de riqueza para a economía da nosa comunidade, que xunto co sector hostaleiro, fan de Galicia un enclave turístico de gran sona.
A titular de Medio Rural afirmou que o intercambio é fundamental para enriquecer as opcións e alternativas gastronómicas, por iso esta cita é tan importante entre os amantes da arte culinaria, xa que reputados cociñeiros ofrecen diferentes pratos cos mellores produtos da terra. Ángeles Vázquez reiterou que a potenciación das nosas producións agroalimentarias, e nomeadamente as acollidas aos diferentes indicativos de calidade, axudan a crear unha imaxe positiva de Galicia porque, matizou, no resto de España os consumidores asocian Galicia con alimentos de calidade e “a nosa gastronomía é unha das razóns principais polas que nos veñen visitar”.
A conselleira salientou a participación de Medio Rural nesta edición de Xantar, na que está presente cun espazo expositivo de 102 metros cadrados que inclúe 16 empresas coexpositoras do ámbito rural galego e un posto promocional do leite co selo Galega 100%. Así mesmo, tamén se levarán a cabo degustacións, catas e presentacións de produtos e instalouse como novidade o “Túnel do Queixo”, que permitirá aos visitantes coñecer e probar libremente mostras das marcas de queixos premiadas coas distincións de ouro, prata e bronce nas Catas de Galicia 2016. Ademais, ao igual que noutras edicións, tamén estará o “Túnel do Viño” coa exposición dos viños das cinco denominacións de orixe galegas.