A agroindustria galega, sector clave para o país

O sector agroalimentario galego, xunto cos produtos procedentes da pesca, acadan unha facturación en Galicia en torno aos 2.000 millóns de euros ao ano. Así o dixo a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, durante a visita que realizou á empresa Delicias Coruña.

Dita firma está situada no polígono industrial do concello das Pontes de García Rodríguez e adícase á elaboración de empanadas e tartas en formatos e presentacións diversas, incluída a propia tarta de Santiago. Pero tamén elaboran outros produtos tales como pizzas, pastelería ou pan. En todo caso, destaca por ser a provedora de empanadas dalgunhas das principais cadeas de distribución españolas.

Alí, a conselleira destacou a aposta desta empresa por modernizar as súas instalacións co fin de incrementar o valor engadido dos seus produtos e ser un claro exemplo de innovación para o rural galego. Unha aposta, recalcou, que as industrias agroalimentarias están levando a cabo co apoio da Consellería mediante a liña de achegas para transformación e comercialización de produtos agrarios, á que se presentaron un total de 185 solicitantes nesta última convocatoria de 2017.

A titular de Medio Rural sinalou que para este ano hai un orzamento de 27,5 millóns de euros, posto que se incrementou en 2,5 millóns de euros con respecto á convocatoria anterior. Rematado xa o prazo de presentación de solicitudes, a conselleira destacou que os 185 interesados nestas achegas prevén un investimento superior aos 128 millóns de euros.