Presentación do libro “Piornedo. Unha Comunidade de Alta Montaña”

A Escola Unitaria do Piornedo acolleu a presentación do libro Piornedo. UnhaComunidade de Alta Montaña dos Ancares, cos autores Clodio González Pérez e Xoán Ramón Marín Martínez, e contou có apoio do Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, xunto ao Alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadín, e a Deputada de Cultura, Pilar García Porto. 

Neste traballo etnográfico, faise unha viaxe a través das ferramentas, do gando, das edificacións e dos usos correspondentes e combinados desta cultura material; da súa viaxe a través dos séculos; da súa significación e riqueza lingüística.

Os textos de Clodio González e as ilustracións de Marín Martínez achegan unha valiosa imaxe de conxunto sobre a vida desta comunidade de alta montaña. A publicación conta taméncunha gran selección de fotografías escollidas do traballo do etnógrafo alemán Walter Ebelling nos anos trinta do século XX e dos fondos do Museo Etnográfico da Casa do Sesto, entre outros, onde se pode contemplar os elementos materiais que son explicados nos capítulos do libro.

O organismo provincial colabora coa difusión desta obra co obxectivo de contribuír á promoción dos Ancares Lucenses. Campos Conde subliñou que “creo que realizando este tipo de traballos, e, por suposto, dándolles difusión, contribuímos en certa medida a que a xente descubra a Montaña Lucense e a vida dos cidadáns desta zona. Sei de primeira man que os veciños desta zona se caracterizan,principalmente, pola súa humildade e polo seu duro traballo. Son exemplares. Vivir na Montaña, desgraciadamente, non é doado pois durante moitos anos esta zona luguesa estivo desatendida, e aínda hoxe non recibe a atención necesaria exusta de todas as administracións”.

“Os Ancares é un lugar cunha beleza fascinante, recoñecido a nivel internacional pola UNESCO como Reserva da Biosfera que, non só temos que conservar, senón que temos que enchelo de oportunidades. E xa as ten polos seus propios recursos, que temos que aproveitar e poñer en valor cuns claros obxectivos: que siga existindo veciños exemplares, humildes e traballadores, cunha vida digna, como a de calquera galego e veciño que resida nunha cidade; e que máis xente coñeza este marabilloso lugar e a súa xente exemplar”.