Prazo aberto para as axudas do Plan de Emprego da Diputación da Coruña

O BOP publicou as convocatorias oficiais das novas liñas do Plan de Emprego Local (PEL) destinadas a incentivar a contratación para a ampliación do cadro de persoal en pequenas e medianas empresas (PEL PEME) e de axudas ao fomento da iniciativa empresarial entre mozos emprendedores (PEL EMPRENDE) da provincia da Coruña, dotadas cun orzamento global de 4,5 millóns de euros.

Ata o día 3 de marzo ás 14.00 horas, os interesados poden presentar as súas solicitudes de forma telemática a través do portal de subvencións da Deputación da Coruña (SUBTEL), accesible dende a sede electrónica da institución provincial (sede.dacoruna.gal).

Cun orzamento de 3 millóns de euros, as liñas PEL PEME, subvencionarán durante un período dun ano o 75% dos custes laborais, incluídas as cotas da Seguridade Social, da contratación de novo persoal nas pequenas e medianas empresas que teñen o seu domicilio fiscal en calquera dos 82 concellos de menos 20.000 habitantes da provincia da Coruña. Como máximo poderase contratar a unha persoa por empresa.

O BOP publica tamén  a convocatoria oficial da nova liña PEL EMPRENDE, dotada cun orzamento de 1.480.000 euros e destinada a mozos e mozas de entre 25 e 35 anos, empadroados en calquera dos 93 concellos da provincia da Coruña, que promovan iniciativas empresariais de nova creación.

Con esta liña do PEL, o Goberno provincial estima poder axudar a máis de 100 emprendedores da provincia a pór en marcha o seu negocio. Pódese obter máis información na web da Deputación (www.dacoruna.gal) e na web do PEL www.emprego.dacoruna.gal.