Os concellos de Curtis e Coirós xestionarán os centros de interpretación do río Mandeo

O deputado da Coruña de Contratación, Patrimonio e Equipamento, Xesús Soto, asinou os convenios cos alcaldes de Curtis, Javier Francisco Caínzos, e Coirós, Francisco Quintela para a renovación dos convenios de xestión dos centros de interpretación do río Mandeo situados en Teixeiro (Curtis) e Chelo (Coirós). 

Durante o ano 2017 a Deputación da Coruña financiará o 100% dos gastos de xestión dos centros etnográficos, ata un máximo de 13.500 euros no caso de Coirós e de 21.600 en Curtis. Os fondos provinciais sufragarán os salarios do persoal necesario para a atención a visitantes e a organización de visitas guiadas. A Deputación tamén porá a disposición dos concellos material didáctico e de promoción e medios técnicos xerados no marco do proxecto Mandeo, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Os concellos comprométense a realizar un mínimo de dúas visitas ao mes para colexios, institutos, asociacións ou calquera entidade da conca do Mandeo interesada. Neste sentido, levarase un rexistro das visitas e elaborarase un dosier fotográfico.

Ademais o concello de Coirós comprométese á apertura do centro de interpretación de Chelo os venres, sábados e domingos, de 10 a 13 horas e de 16 a 19 horas.  No caso do centro etnográfico de Curtis, situado en Teixeiro, o horario de atención ao público será, como mínimo, de martes a venres de 10 a 13 horas e de 16 a 19 horas e os sábados e domingos de 10 a 13 horas.