O cociñeiro panameño Charlie Collins participa en Xantar

O cociñeiro centroamericano
Charlie Collins con Nava Castro
Charlie Collins fixo unha visita ás instalacións do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) e compartiu as súas experiencias cos profesores e alumnos do Diploma de Gastronomía e Xestión en Cociña.Desde fai un par de anos, Charlie Collins é o chef máis mediático de Panamá grazas a súa participación na versión do programa televisivo Top Chef.

A razón da súa viaxe a Galicia é a de promocionar a gastronomía de Panamá e, con este fin, ademais de visitar o CSHG, participa no Salón Gastronómico Xantar. O seu país, Panamá, é o invitado este ano na feira que empeza mañá en Ourense e no que se xuntan exemplos de cociñas de todo o mundo.

O estandarte da nova cociña do país centroamericano agradeceu a invitación de Turismo de Galicia e amosou a súa ledicia por visitar un centro o cal destacou “conta cunhas instalacións insuperables”. Ademais de ver as diferentes aulas de cociña, Collins falou cos alumnos de Diploma de Gastronomía e coñeceu aos profesores. 

O cociñeiro panameño explicou no CSHG que leva cociñando desde os 19 anos. “As miñas raíces profesionais remóntanse á experiencia na cociña do Hotel Panamonte, en Boquete, na provincia de Chiriquí” a cal definiu como “a granxa do país” e onde, segundo sinalou, aprendeu a importancia de utilizar ingredientes frescos, desenvolvendo o concepto “da horta á mesa”.