As novas iniciativas do proxecto SmartPeme para asociacións empresariais e as vías de colaboración e sinerxía que estas poden achegar durante o seu desenvolvemento foron presentadas a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o deputado de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios, polos axentes TIC máis relevantes da provincia e de toda Galicia.
SmartPeme, o programa da Deputación de Pontevedra que busca potenciar o desenvolvemento económico da provincia a través das tecnoloxías da información (TIC), segue así abríndose a novos sectores desde o seu nacemento e xa se ampliou ás persoas autónomas, aos concellos e, agora, tamén ás asociacións empresariais e empresas provedoras TIC.
A presidenta, Carmela Silva, sinalou que "dende a Deputación de Pontevedra sabemos que en Galicia e nesta provincia existe unha rede TIC moi importante e que esta institución provincial nin quere nin pode ser unha competidora desa estrutura". A este respecto, a presidenta provincial asegurou que "as administracións públicas están para impulsar, promover e tamén ter en conta a rede existente e a todas e todos os axentes para que a oferta teña que ver coa demanda, e estando en permanente contacto con todas as empresas e todo o sector".
Carmela Silva sinalou, ao falar das novidades que se irán introducindo nas vindeiras semanas no proxecto SmartPeme, que "temos que ser capaces de avanzar nun proxecto que nos permita abrir as fiestras" para que os axentes TIC "participedes e sexades quen desenvolvan posteriormente eses proxectos despois de que nós lles informemos, ás persoas que buscan asesoramento, de todas as ferramentas e potencialidades das que dispoñen".
Nas seis oficinas de SmartPeme, instaladas en Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo, estanse poñendo en marcha as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, a colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, a especialización sectorial dos asesores e asesoras en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, a identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as pequenas e medianas empresas e, tamén, o impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.