Galicia, de festa en festa

O stand de Galicia na 37ª edición da Feira Internacional de Turismo de Madrid, Fitur, acolleu un acto promocional das festas galegas declaradas de Interese Turístico Nacional e Internacional. Durante a presentación, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou que estas festas constitúen un dos maiores patrimonios turísticos que atesoura a nosa comunidade ao representar o mellor dos nosos recursos naturais, culturais ou gastronómicos.

Neste senso, Nava Castro resaltou que estas celebracións son un excepcional medio para difundir os atractivos turísticos e patrimoniais de Galicia, á vez que serven para garantir as nosas tradicións e incentivar as economía locais. “Estes acontecementos favorecen a implementación dunha oferta de lecer atractiva para todos aqueles que queiran vivir unha experiencia singular nos ámbitos gastronómico e cultural dentro do noso territorio”, sinalou.

A responsable de Turismo da Xunta explicou que, con todo, as festas de interese turístico, polas súas características e singularidades e polo seu recoñecemento e prestixio en todos os niveis, son un recurso que debemos manter e potenciar Así, afirmou que a aposta polas celebracións tradicionais que xeran experiencias únicas no destino ocupa un lugar moi relevante na política turística do Goberno galego.

Nava Castro destacou que en Galicia existen un total de 135 festas declaradas de interese turístico, das cales 9 son de interese turístico internacional e 11 de interese turístico nacional.

Neste senso, a directora de Turismo de Galicia fixo un repaso polas tradicións que como a ancestral Rapa das bestas de Sabucedo, que se celebra no municipio da Estrada, a Festividade de Santiago Apóstolo, o Corpus Christi de Ponteareas, a Semana Santa de Ferrol e Viveiro, a Festa da Arribada da Carabela Pinta, en Baiona, as Fogueiras de San Xoán, da Coruña, a Romaría Viquinga de Catoira e o Festival do Mundo Celta de Ortigueira -todas elas declaradas festas de interese turístico internacional- constitúen un importante reclamo para Galicia como destino.

Tamén, resaltou as festas de interese turístico que enxalzan durante todo o ano nosa gastronomía e os nosos viños, como a Festa do Cocido de Lalín, no inverno; a Festa da Lamprea de Arbo, na primavera; a Festa do Polbo do Carballiño e a Festa do viño Albariño de Cambados, no verán; e a Festa do Marisco do Grove, no outono. Todas elas festas de interese turístico nacional que, xunto aos entroidos de Xinzo de Limia e Verín, a Festa da Historia de Ribadavia e as festividades de San Roque, en Vilagarcía de Arousa, a Nosa Señora da Barca, en Muxía e o San Froilán de Lugo, completan o marabilloso elenco de acontecementos festivos destacados con esta distinción.