Balance de Fitur

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Francisco González, avaliaron en rolda de prensa o balance da participación de Galicia na 37ª edición da Feira Internacional de Turismo de Madrid. 

Así, segundo manifestaron, o stand de Galicia, que tiña unha superficie de preto de 1.000 metros cadrados, rexistrou un máximo histórico de afluencia ao recibir máis de 75.500 visitantes, incrementando a súa afluencia en 1.500 en relación á pasada edición.

Galicia celebrou un total de 30 presentacións das catro provincias galegas, dirixidas aos profesionais do sector e aos medios de comunicación. Como principais novidades, destacaron os actos promocionais das festas declaradas de interese turístico nacional e o espazo para a promoción do Turismo de Natureza, entre outros.

Así mesmo, o turismo galego cobrou importancia en Fitur grazas a outros importantes acontecementos como a entrega do Premio Trivago á cidade de Santiago de Compostela que a sitúa como a cidade española con mellor reputación e do Premio Excelencias Gourmet á Ruta da Lamprea, entre outros.

Pola súa parte, o presidente do Clúster de Turismo de Galicia destacou que o espazo de traballo habilitado para o sector acolleu un total de 12 mesas de traballo. Segundo afirmou, neste punto de networking participaron máis de 250 profesionais e albergou máis de 300 encontros tanto a nivel nacional como internacional.