Axudas para potenciar os montes da provincia de Pontevedra

Xa está listo o primeiro borrador das bases das liñas de axudas que a Deputación de Pontevedra achegará aos concellos da provincia  para poñer en valor os montes da provincia coa fin de que realicen as súas aportacións. O vicepresidente César Mosquera instou ás alcaldesas e alcaldes a que participen na redacción do texto final e propoñan melloras e contribucións antes do 28 de febreiro.

O monte é o grande esquecido do territorio galego, indicou Mosquera, polo que a Deputación de Pontevedra pretende poñer en marcha un ambicioso e novidoso proxecto para poñelo en valor e crear parques forestais singulares: frear os lumes ou minimizar o seu dano, levar adiante propostas que poñan en valor a paisaxe e crear explotacións complementarias á madeireira, xa sexan micolóxicas, gandeiras ou doutro tipo. Unha das esixencias para optar ás axudas será que o ámbito de actuación debe ser dun mínimo de 50 hectáreas, polo serán fundamentais os acordos entre diferentes comunidades de montes e os concellos.

A liña de axudas será de 1.200.000 euros, traballará da man das diferentes xuntas de montes e dos concellos e haberá dous apartados subvencionables. O primeiro terá 360.000 euros e destinarase á redacción de proxectos de intervención no monte para organizar as actuacións. O segundo (con ata 840.000 euros) servirá para financiar as actuacións concretas a desenvolver. O financiamento poderá chegar ata o 80% do valor total dos proxectos e actuacións en función do número de solicitantes e dos valores que se propoñan.

O vicepresidente Mosquera remitiu unha carta ás rexedoras e rexedores. Unha vez se cumpra o prazo establecido (ata o 28 de febreiro), os técnicos provinciais valorarán as aportacións e, en función do seu contido, incorporaranse ao texto final para que sexa aprobado e se publique no Boletín Oficial da Provincia.