Buscar/Hemeroteca

viernes, 27 de enero de 2017

A lamprea ten casa en Pontecesures

A Casa da Lamprea acaba de ser inaugurada en Pontecesures, froito dun convenio de colaboración a través do cal Turismo de Galicia realizou unha achega de preto de 70.000 euros ao concello daquela localidade para a creación desta desta instalación. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto coa directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal, oficiaron a inauguración.

Durante o acto, a responsable de Turismo da Xunta destacou que, a pesar da importancia que adquire neste concello a súa relación co río Ulla e coa lamprea, patente na celebración anual da Festa da Lamprea, non dispoñía dun espazo axeitado que reflectise estes vínculos. Neste senso, explicou que “este novo espazo enfocado á rúa é un punto de encontro, de música, de baile, pero por encima de todo é un lugar onde gozar da lamprea”.

Nava Castro sinalou que a sinxela combinación dunha estrutura metálica e a distribución estratéxica da vexetación crean este lugar acolledor que, segundo afirmou, “invita tanto ao veciño como ao visitante a coñecelo e desfrutalo”.

Nava Castro salientou que esta actuación constitúe unha aposta máis por poñer en valor este peixe e todos os recursos vinculados a el. Así, afirmou, que esta casa pon en valor a Ruta da Lamprea, que combina os numerosos recursos vinculados á lamprea de cada unha das zonas dos tres ríos nos que habita en Galicia, o río Miño, Tambre e Ulla, coa visita a lugares de interese natural e cultural da súa contorna como miradoiros, paseos, pontes ou capelas entre outros. Así mesmo, ofrece multitude de restaurantes que permiten degustar este manxar de maneiras moi diversas.


No hay comentarios: