A Consellería do Mar, no xurado para outorgar Bandeira Azul

A Consellería do Mar, a través dun representante oficial de Portos de Galicia, formará parte do xurado que outorga os distintivos de calidade Bandeira Azul e que se reunirá en Madrid o vindeiro día 10 de febreiro. Nesta edición, un total de 20 entidades e clubs náuticos galegos optan ao galardón que outorga a Asociación de Educación Ambiental e Consumidores (ADEAC).

En concreto veñen de presentar a súa candidatura á Bandeira Azul 9 instalacións náuticas de Pontevedra, outras 9 da Coruña e 2 de Lugo. Trátase dos portos deportivos de Portonovo (Sanxenxo), Marina Davila (Vigo), Monte Real Club de Yates de Baiona, Cangas, Moaña, Puerto Deportivo de Baiona, Combarro, Juan Carlos I de Sanxenxo, San Vicente do Mar (O Grove), Boiro, Camariñas, Santa Marta de Ortigueira, Ares, Club Náutico de Sada, Marina Coruña, Muxía, Real Club Náutico da Coruña, e Portosín. 

O prazo para a presentación das candidaturas rematou o pasado mes de decembro e ata ese momento, Portos de Galicia mantivo contacto directo cos clubs náuticos interesados en presentar candidaturas poñendo á súa disposición asesoramento e orientación técnica en relación aos requisitos que deben cumprir as instalacións para acadar o galardón. Dende a Consellería do Mar, ratifícase así a vontade de que a totalidade dos clubs que poden optar a este recoñecemento conten con el e o manteñan no tempo, de modo que Galicia consolide o seu posicionamento internacional na primeira liña da calidade de servizos.