"Termalismo Saúdable" 2017 coa Deputación de Ourense

Co obxectivo de seguir promocionando e potenciando a riqueza termal da provincia de Ourense, un dos territorios máis importantes de Europa no ámbito termal, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañado por representantes dos balnearios da provincia de Ourense, presentou a pasada semán o programa "Termalismo Saúdable" 2017.

Na edición de 2017, o programa contará con novas instalacións balnearias que se incorporan ao programa –o balneario de Partovia-, novos programas de fins de semana cultural e termal, tratamentos terapéuticos e a continuación do programa "Tren Termal", que permitirá achegarse a Ourense desde 40 estacións de España, grazas ao acordo que a Deputación de Ourense mantén co Ministerio de Fomento e con Renfe para os residentes de fóra da provincia que opten polas estancias termais que oferta o programa.

Manuel Baltar adiantou que o goberno provincial destinará o vindeiro ano máis dun millón de euros para proxectos de infraestruturas, investigación e promoción do ámbito termal na provincia de Ourense. "Consideramos o termalismo como un eixe estratéxico do desenvolvemento da provincia, de aí que incidamos na posta en marcha de diferentes iniciativas como o Plan "Ourense, a provincia termal" ou o feito de que Ourense liderará o Pacto Termal Nacional, unha proposta deste goberno provincial que, xunto coa FEMP, presentaremos ao sector, empresas, institucións e usuarios para que o termalismo español sexa un referente en Europa". Baltar dixo que no que atinxe aos establecementos termais da provincia "pasamos nestes anos de cinco a sete balnearios, e agardamos tamén contar co balneario de Berán, co que estamos en conversas para a apertura deste espazo termal, e, o que sería a excelencia: contar tamén con gran balneario da capital, un proxecto que a Deputación estará apoiando para que sexa unha realidade".

No acto de presentación, Manuel Baltar estivo acompañado polas directoras xerentes dos balnearios de Cortegada, Eva Álvarez, e de Caldas de Partovia, Noa Gallego, e polo representante de Caldaria, Rafael Luaña, e o director da Área de Benestar da Deputación, José Juan Cerdeira.

O balance do programa "Termalismo Saudable" nos catro anos que leva desenvolvéndose ten experimentado un importante crecemento que avala o éxito do mesmo. En 2013 o número de beneficiarios foi de 444 persoas, cifra que pasou ao ano seguinte a 673 e a 1.745 en 2015, con usuarios procedentes de 40 cidades de España. Este ano que remata péchase coa cifra de 2.207 persoas que participaron nos balnearios da provincia de Ourense dos diferentes servizos e programas que ofrecen, algo que o sector valora moi positivamente, como destacaron os representantes dos balnearios hoxe na rolda de prensa, expresando o seu agradecemento á Deputación de Ourense polo apoio e colaboración ao termalismo na provincia.