"Ruta Valle-Inclán por Santiago de Compostela, Rosa Mística de pedra"

O 28 de decembro que terá lugar unha xornada de actividades dedicada ao 150 aniversario do nacemento de Ramón María del Valle-Inclán, que comezará ás 17:00 horas na estatua do escritor no Paseo dos Leóns da Alameda, onde partirá unha visita aos lugares da súa vida e da súa obra, tan vinculadas con Santiago. 

A continuación, ás 19:00 horas, o Café Casino -o histórico recinto onde o mozo Valle-Inclán recibiu clases de esgrima- acollerá unha lectura pública comentada de fragmentos sobre Compostela, conducida por Xaquín del Valle-Inclán e González Millán. Ambas actividades son de balde para 25 persoas.

Ramón María del Valle-Inclán pasou diferentes períodos da súa vida en Santiago. Na súa mocidade estudou na Universidade de Santiago e aquí publicou os seus primeiros traballos literarios, na revista Café con gotas. En Santiago tamén pasou os últimos meses da súa vida, ata que faleceu o 5 de xaneiro de 1936. Os seus restos están no cemiterio de Boisaca.

Na súa obra atópanse máis de cincuenta referencias a Santiago e lugares concretos da cidade, como a Catedral, a Alameda, as rúas do Casco Histórico, a praza da Quintana, a Colexiata de Sar, o convento de San Paio de Antealtares, a Feira de Santa Susana… e mesmo o Café Derby, onde tivo a súa tertulia nos últimos meses da súa vida, que pasou ingresado no Sanatorio do doutor Manuel Villar Iglesias.

Con motivo da celebración do 150 aniversario do nacemento de Valle-Inclán, Turismo de Santiago, o Museo de Valle-Inclán e o Ateneo colaboran na creación da "Ruta Valle-Inclán por Santiago de Compostela, Rosa Mística de pedra", unha ruta cultural e turística que permite coñecer a cidade a través da vida e da obra de Valle-Inclán, intimamente vinculadas a Santiago de Compostela. Esta ruta recollerase nun folleto que está elaborando o propio Museo Valle-Inclán.