Buscar/Hemeroteca

miércoles, 21 de diciembre de 2016

Queixo e mel de premio para a sobremesa do Nadal

Daniberto, El Catador e Farelo son queixos da D.O. Queixo-Tetilla que acadaron, respectivamente distincións de ouro, prata e bronce na XIX Cata dos Queixos de Galicia; en Arzúa-Ulloa os premiados foron Bo-Queixo, J. Varela e Queinaga (nesta mesma D.O. Artelac levou distinción de ouro na categoría de curado); Don Gabino, Fontenlas e Catadoiro resultaron ser os triunfadores en San Simón da Costa e Castelo e Santo Andre en Cebreiro.

No tocante a XV Cata dos Meles de Galicia os gañadores, con distincións de ouro, prata e bronce, respectivamente foron O Testeiro, Meles JS e Mel do Saldoiro, na categoría de multiflorais, mentras que O Testeiro, que fixo dobrete, Alfimiel e Veiga Florida destacaron no apartado de monoflorais.

A entrega de premios tivo lugar en Touro, presidida pola conselleira de Medio Rural, Ánxeles Vázquez, que celebrou o incremento da produción destes produtos amparados por selos de calidade e felicitou aos presentes pola calidade destes alimentos tan típicos e imprescindibles da nosa gastronomía.

A conselleira sinalou que o queixo amparado baixo denominacións de orixe protexidas (DOP) en Galicia deixou como resultado no ano 2015 case 5.300 toneladas e preto de 33 millóns de euros, cun incremento do 6% tanto en toneladas como en valor económico. No referido aos meles, Ángeles Vázquez subliñou que o número de colmeas amparadas baixo selo incrementouse nun 15%, chegando a máis de 40.800, e xerando un valor económico de máis de 2 millóns de euros, un 14,3% máis co ano anterior. 

Nesta XIX edición da Cata dos Queixos e na XV Cata dos Meles de Galicia participaron un total de 66 e 29 mostras, respectivamente. No tocante aos queixos, 27 correspondían á Denominación de Orixe Protexida (DOP) Arzúa-Ulloa (18 de queixo fresco e 9 de queixo curado), outras 24 á DOP Queixo Tetilla, 10 á DOP San Simón da Costa e 5 á DOP Cebreiro. En canto aos meles, 17 mostras correspondéronse á categoría de multiflorais e 12 á de monoflorais, todos eles pertencentes á colleita deste ano 2016. 



No hay comentarios: