Galicia poderá pescar casi 40.000 toneladas máis en 2017

Galicia poderá pescar, segundo cálculos estimados, 30.900 toneladas máis en 2017, o que suporía —aplicando o prezo medio do peixe e do marisco fresco durante este ano— un incremento de valor aproximado de 76 millóns de euros. Así o manifestou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao avaliar os resultados da negociación do reparto das cotas pesqueiras e dos totais admisibles de capturas (TAC), na que Galicia foi representada en Bruxelas pola conselleira do Mar, Rosa Quintana. 

A cantidade global de posibilidades de pesca para España ascendeu en 44.144 toneladas con respecto a 2016, o que se traduce nun incremento en porcentaxe do 20%. De entre estas, arredor do 70% corresponden a Galicia. 

Deste xeito, conseguiuse que a pescada sufrise un axuste mínimo do 1,4%, fronte á redución do 36% que propuña inicialmente a Comisión. Galicia tamén logrou frear a caída do xurelo, que ía ser do 45%, ata o 23%, co compromiso de volver sobre esta cota nunha posible revisión do TAC a mediados deste ano, en función da evolución do stock desta especie.

Feijóo explicou que Galicia acadou total ou parcialmente 14 dos 17 obxectivos de importancia sinalados para a negociación. “Loxicamente, como en calquera negociación, non conseguimos o 100% dos resultados”, aclarou o presidente, que engadiu que se logrou o 83%.