Crean o Premio Termal Galicia, en memoria do doutor Luis Rodríguez Míguez

A Deputación de Ourense e o balneario de Mondariz, en colaboración coa Asociación de Balnearios de Galicia, veñen de crear o "Premio Termal Galicia á Innovación Hidrolóxica", un galardón instaurado en memoria do doutor Luis Rodríguez Míguez. A convocatoria deste premio terá unha periodicidade anual e ten como obxectivo impulsar a defensa da riqueza das augas mineiro-medicinais de Galicia.

A creación deste premio ten lugar días despois de que a Deputación de Ourense determinase conceder a Luis Rodríguez Míguez a Medalla de Ouro da Provincia de Ourense, a título póstumo, un recoñecemento co que o goberno provincial quere poñer en valor as importantes achegas que Rodríguez Míguez fixo nos ámbitos da investigación e promoción do termalismo contemporáneo, como precursor dos estudos sobre as augas mineiro medicinais e o seu uso clínico.