Comeza o Concurso de Pinchos de Outono no Ribeiro

Os Establecementos Asociados do Ribeiro presentaron na sede do Consello Regulador da D.O. Ribeiro a terceira edición do Concurso de Pinchos de Outono no Ribeiro. Un concurso onde participarán 15 locais con creacións gastronómicas que van dende un ata dous euros, elaboradas con produtos outonais como a castaña ou os cogomelos. Os consumidores poderán degustar os distintos petiscos en 14 locais de Ribadavia e un de Castrelo de Miño dende este venres 2 de decembro, ata o vindeiro 11, en horario de 12.00 a 16.00 e de 19.00 as 23.00 horas.

Á presentación do concurso asistiron a presidenta e o vicepresidente de EAR, Rocío Estévez e Raúl Mato e o presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Felicísimo Pereira, así como os representantes de todos os locais participantes. Durante o acto presentáronse tamén todas as creacións que terán a disposición dos consumidores durante os 10 días de concurso. 

Os consumidores participantes poderán gañar diversos premios ao valorar os pinchos nas papeletas que haberá repartidas polos locais. Aqueles que harmonicen o seu pincho cun viño do Ribeiro poderán ser premiados cun superlote ofrecido polo C.R.D.O. Ribeiro.