Balance da actividade turística na Coruña no 2016

O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, compareceu ante os medios para facer balance da actividade turística nun ano, o 2016, do que destacou a boa evolución do sector na cidade, atendendo ás taxas de ocupación hoteleira e da evolución do prezo medio por noite, "datos realmente bos, que amosan unha tendencia ascendente, ao aumentar tanto o nivel de ocupación na cidade como a rendibilidade". 

En concreto, a análise, procedente da asociación da asociación empresarial de hospedaxe da Coruña, Hospeco, mostra unha subida global de máis dun 9% en termos globais, cun 13,5% máis de ocupación e un 15,7% máis no prezo medio por noite nos 11 primeiros meses deste ano respecto ao 2015. "Temos unha cidade que se está posicionando cada vez máis como destino de calidade", recalcou Lema. Na mesma liña, o presidente de Hospeco, Rafael Benito, confirmou a "subida interesante" experimentada polo sector, "unha tendencia que esperemos que se manteña no futuro para, o ano que vén, estar en termos de rendibilidade hoteleira que permitan facer máis cousas, crear emprego e novas actividades".

A este respecto, o concelleiro, que é responsable municipal da área de Turismo e presidente do Consorcio de Turismo, avanzou a programación pechada de cara ao ano que vén, da que destacou congresos como o da Sociedade Española de Xerontología e Xeriatría (SEGG) -no mes de xuño, con 1.200 participantes previstos-, ou o da Asociación Española de Endodoncia (AEDE) -en novembro, con 800 participantes-, ou o da Federación de Asociacións de Pais de Alumnos de Fomento de Centros de Ensino, Fepace, que recalará na cidade en marzo, e aludiu á colaboración do Concello con Hospeco para a ferramenta Travel City, para a captación de congresos. Igualmente, o responsable municipal deu conta do calendario de eventos deportivos que contarán coa colaboración do Concello, no que se inclúen, entre outros, o Campionato Internacional de Surf e o ACT de Traíñas, "unha competición que engloba aos clubs do norte da península, que nos permite introducirnos nun circuito estatal de máximo interese e seguir incidindo nesa Coruña como cidade do mar, que ten os deportes náuticos sempre presentes", recalcou Lema. Súmase a esta oferta a participación de Turismo da Coruña en feiras como Fitur, Madrid Fusión -na que a cidade estará presente por segunda vez, baixo o paraugas de Saborea España-, a IMEX (a feira de impulso exterior, sobre negocio internacional), o World Travel Market, ou a Feira de Turismo Profesional, Incentivos, Eventos, Viaxes de Negocios e Congresos de Barcelona (IBTM).  www.coruna.gal