A Torre de Hércules supera as 120.000 visitas en 2016

torredeherculesacoruna.com
A Torre de Hércules recibiu, desde o 1 de xaneiro ata o 28 de decembro, a visita de 120.735 persoas, un dato "moi positivo", segundo valora o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, e que supera en máis de 3.300 visitantes as cifras do ano pasado, 117.427, e tamén dos exercicios 2014 (113.849) e 2013 (116.946). Remata así o 2016 mellorando o rexistro de visitantes dos últimos catro anos. 

"Estes números referendan esta tendencia ascendente na que se atopa nestes intres A Coruña, que se proxecta claramente como destino turístico de calidade. Este ano incrementouse tamén o nivel de ocupación hoteleira e traballaremos, de cara o 2017, en seguir consolidando á cidade como un referente para o turismo", sinalou o edil.

A Torre rexistrou ao longo de todo o ano,un aumento sostido de visitantes, cunha importante afluencia nos meses de verán (xullo a setembro), onde sumou a cifra de 61.364 persoas, mellorando os números do período estival de 2015 (58.012) no que o monumento mantivo o seu acceso pechado en distintas ocasións do mes de agosto debido ás condicións meteorolóxicas adversas.

A maior parte das e dos visitantes que se achegaron á Torre de Hércules procederon doutras zonas e cidades do Estado, unha cifra (73%) que continúa a tendencia iniciada no 2015 e crece, tamén, un punto respecto ao ano pasado (72% e, no 2014, 71%). Galicia foi a comunidade autónoma que aportou o maior número de visitas (25,6%), seguida de Madrid (14,5%), Andalucía (10,5%) e Cataluña (9,39%).

No plano internacional, Europa (18%) e América (7,2%) foron os continentes dos que chegaron o maior número de turistas do estranxeiro. O 2,8% restante repártese entre Asia, África e Oceanía que, aínda con cifras pequenas, aumentan o número de países aos que chega o coñecemento do faro patrimonio da humanidade. Os países europeos que máis visitantes aportan ao rexistro son Francia (17,7%), Portugal (13,5%), Reino Unido (13,4%), Italia (12,8%) e Alemania (12,2%). Pola súa banda, a meirande parte das visitas chegadas desde América proceden dos Estados Unidos (25,6%), e Arxentina (24,5%).