A Deputación de Ourense constitúe a Comisión Provincial de Patrimonio

Para potenciar, difundir e preservar a riqueza histórica, monumental e cultural que posúe a provincia de Ourense, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, presidiu no Pazo Provincial a reunión constitutiva da Comisión Provincial de Patrimonio, que promove a institución provincial e na que estiveron presentes os profesores Antonio Colmenero e Jorge López Quiroga; o presidente da asociación cultural "O sorriso de Daniel", Antonio Dieter Moure; o arqueólogo José María Eguileta; a decana de Historia do Campus de Ourense, Susana Reboreda; o director do Museo Arqueolóxico de Ourense, Xulio Rodríguez, e o dinamizador cultural, Antonio Piñeiro.

Baltar presentou esta inciativa no pasado Debate sobre o Estado da Provincia, tendo en conta a relevancia do patrimonio cultural, histórico e arquitectónico da provincia de Ourense. "O obxectivo é reunir aos principais técnicos e representantes de institucións, vinculados co patrimonio provincial ourensán, para que avalíen, analicen e elaboren informes referidos a temas patrimoniais nos que traballe e colabore a Deputación, para achegar propostas que contribúan a seguir potenciando e poñendo en valor a riqueza monumental da nosa provincia", explicou Manuel Baltar.

Como exemplos que poden estar sobre a mesa deste grupo de expertos O presidente do goberno provincial citou os proxectos arqueolóxicos do campamento romano de Aquis Querquennis, en Bande; a cooperación entre Deputación de Ourense e Bispado para levar a cabo obras de mellora e rehabilitación do patrimonio histórico-relixioso, e tamén propoñer diante doutras administracións –autonómica, estatal ou europea- iniciativas que permitan preservar o patrimonio cultural ourensán.