11.000 € para o sendeiro azul de Cabo Udra

Preto de 11.000 € para a difusión, promoción, conservación e sostemento do sendeiro azul de Cabo Udra achegarán entre a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Bueu, Félix Juncal, según o convenio de colaboración que veñen de asinar. En concreto, a institución provincial destinará 8.800 € e o Concello de Bueu 2.200 € para estas actuacións.

Esta iniciativa busca impulsar as infraestruturas e servizos, conservar o patrimonio natural, sinalizar o sendeiro, instalar elementos interpretativos e mobiliario e realizar tarefas de mantemento da ruta de Cabo Udra.

Os sendeiros azuis son itinerarios e elementos paisaxísticos que unen praias ou portos con bandeira azul e contribúen ao uso sustentable do litoral, así como ao gozo da natureza e á promoción da saúde e benestar. "A provincia de Pontevedra –tal e como manifestou Carmela Silva– é a que conta con máis sendeiros azuis de España, con 11 en total, situados nos concellos de Baiona, Bueu, Cangas, A Guarda, A Illa de Arousa, Marín, Nigrán, Ponte Caldelas e Vigo. Por iso consideramos fundamental impulsar e promover o desenvolvemento sostible destas rutas mediante unha xestión integrada que permita poñer en valor os recursos naturais, históricos, culturais e etnográficos que conforman o patrimonio litoral da provincia".