Turismo de Galicia presente en Intur

Turismo de Galicia ten esta semana unha nova cita cunha das feiras de promoción e comercialización do ámbito turístico da natureza máis importante do calendario en España. Trátase da feira INTUR, que se celebra en Valladolid ata o vindeiro domingo, día 27 de novembro e que este ano celebra a súa XX edición.

Turismo de Galicia instalou na capital castelá dentro deste certame turístico un recinto de 100 metros cadrados para a promoción e apoio á comercialización dos produtos turísticos galegos relacionados coa natureza, o deporte, a cultura e a gastronomía.

Neste sentido, o espazo de promoción de Galicia nesta feira conta con tres módulos desde os que se promoverá de xeito específico a oferta xeral da Comunidade, o Camiño de Santiago e as experiencias turísticas galegas.

Ademais, o pavillón galego servirá de punto de encontro para os profesionais do turismo galego que participen nesta feira ao obxecto de manter reunións de traballo con operadores turísticos e axentes de viaxes. 

Paralelamente desenvolverase o programa INTUR Negocios, unhas xornadas de comercialización reservadas aos profesionais do turismo e nas que participan comercializadores turísticos, tanto nacionais como internacionais. Nestas xornadas participarán empresarios membros do Clúster de Turismo de Galicia.