Ternera Gallega achégase a gandeiros e consumidores

A IXP Ternera Gallega vén de presentar varias novidades dentro do seu plan de acercamento aos gandeiros inscritos na IXP para simplificar e facilitar as súas xestións co Consello Regulador, e tamén do seu plan de mellora promocional orientado aos consumidores finais, nunha aposta polas vantaxes das novas tecnoloxías TIC. 

Accións centrais deste programa son as tres APPs dirixidas aos produtores inscritos na Denominación, ás comerciais cárnicas e aos consumidores, así como a “Escola de Cociña de Ternera Gallega”, unha iniciativa divulgativa, conducida polo cociñeiro Javier Rodríguez Ponte ‘Taky’, que aposta por soportes de difusión audiovisuais para achegar, a través de 12 capítulos, o potencial culinario e gastronómico da carne certificada pola denominación de calidade. 

O acto, presidido pola conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, contou tamén coa presenza do presidente da Indicación Xeográfica Protexida, Jesús González; da directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo; e da directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, nunha cita dirixida a profesionais do vacún de carne de Galicia, da restauración, industria e distribución e dos medios de comunicación xeralistas e especializados.

No marco da “Escola de Cociña de Ternera Gallega”Javier Rodríguez Ponte “Taky”, desvelou trucos, consellos e receitas para un aproveitamento integral da carne con este indicativo de calidade. Nun formato ameno e funcional que acompaña de infografías explicativas sobre a procedencia das pezas, diferentes usos culinarios, presentación estética, conservación, características organolépticas e historia do produto, dá resposta a interrogantes que se presentan á hora de cociñar a carne amparada pola IXP.

A serie de programas difundirase a través dos soportes habituais de comunicación da IXP Ternera Gallega, con especial presenza nas súas canles dixitais como a plataforma web (www.terneragallega.com) e a canle de Youtube, e nas redes sociais Facebook e Twitter. Tamén se prevé a súa emisión en puntos de venda, espazos de restauración, escolas de hostalaría ou feiras e salóns sectoriais para promocionar a grande escala as excelencias do produto amparado pola IXP.