"Rural Tour", produtos autóctonos de mulleres galegas

Rural Tour é unha feira de artesanía e produtos autóctonos de mulleres galegas, que organiza a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais, que financia a Deputación de Lugo con 40.000 euros, e coa que colabora dito grupo de comunicación. Estará nas Termas ata o 4 de decembro e percorrerá as principais cidades galegas. Mostra o traballo de 44 profesionais, das que 25 son lucenses.

O Presidente da Deputación, Darío Campos, subliñou que “este é un investimento en prol da igualdade, co que queremos visibilizar o traballo das mulleres do rurais, que cumpren unha triple función, nada doada, que queremos poñer en valor e que debemos recoñecer. Sempre exerceron de nais e traballadoras do fogar; levaron e seguen a levar a cabo unha enorme labor social, coidando, na maioría dos casos, aos nosos maiores; ao mesmo tempo, que son un exemplo de emprendemento e de aproveitamento das oportunidades económicas do rural, pois poñen en marcha os seus propios negocios e sácanlles a máxima rendibilidade, contribuíndo, de xeito notable, á economía familiar e á da provincia. Foron e son unhas heroínas. Merecen todo o noso recoñecemento e apoio”.

A provincia de Lugo é a primeira parada do Rural Tour, que percorrerá as principais cidades de Galicia. Na feira pódense mercar licores, doces, embutidos ou hortalizas, ademais de atopar postos de cestería, xoiería, bixutería, feltro ou marroquinería. Dos 44 expositores, 25 son da provincia de Lugo, e o resto de participantes proveñen de diferentes puntos da comunidade autónoma.

O horario da feira é de luns a domingo de 10:00 horas a 22:00 horas, coincidindo co horario de apertura do resto de establecementos do Centro Comercial As Termas.