Buscar/Hemeroteca

viernes, 25 de noviembre de 2016

pescadeRías lleva certificado preto de 11.000 toneladas de peixe e marisco

O selo de calidade pescadeRías, creado e rexistrado pola Xunta de Galicia, leva certificados neste ano preto de 11.000 toneladas de peixes e mariscos galegos, unha cifra que supón un incremento de máis do 26% con respecto á cantidade certificada en todo o ano 2015. 

Estes datos foron aportados pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, durante a inauguración da Xornada de análise sensorial, organizada pola empresa de tecnoloxía sensorial TasteLab coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela e celebrada no Centro Integrado de Formación Profesional, CIFP Compostela. Alí Rosa Quintana sinalou que esta marca de calidade é un exemplo que reflicte o incremento da demanda de alimentos saudables, de marcas de calidade diferenciada, e de produtos ecolóxicos que acrediten sustentabilidade. 

Neste sentido, a titular de Mar lembrou que pescadeRías acredita que os produtos da pesca artesanal e do marisqueo están convenientemente identificados, teñen un alto nivel de frescura e se comercializan por empresas situadas na Comunidade Autónoma. Engadiu ademais que os produtos galegos “son unha inmellorable tarxeta de presentación da nosa Comunidade Autónoma”.

En canto a esta nova lexislatura, Rosa Quintana, explicou que a Consellería do Mar seguirá traballando para que “nas grandes cadeas de distribución sigan estando presentes os produtos galegos identificados como tales”. Para iso, sinalou, “daremos un novo impulso ás marcas de calidade e tamén ás denominacións de orixe, facendo valer a súa distinción nos mercados e a identificación da súa calidade por parte dos consumidores”.

No hay comentarios: