Pataca de Galicia abarcará todo o territorio galego

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a orde pola que se adopta unha decisión favorable en relación coa modificación do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia, solicitada anteriormente polo Consello Regulador. 
Unha vez adoptada esta resolución, o expediente será remitido á Comisión Europea para continuar coa súa tramitación, que culminaría coa inscrición no rexistro comunitario do novo prego de condicións, que contempla a ampliación da área de produción e envasado deste produto a todo o territorio da Comunidade Autónoma. Ata agora, este selo só permitía o cultivo e envasado de patacas en catro subzonas de produción: Bergantiños (A Coruña); Terra Cha - A Mariña (Lugo); Lemos (Lugo) e A Limia (Ourense).

Por outra banda, as patacas acollidas á certificación de calidade da I.X.P. debían ser da variedade Kennebec, pero agora tamén se suman as variedades denominadas Agria e Fina de Carballo, aumentando deste xeito as posibilidades de produción. 

Segundo datos rexistrados polo Consello Regulador da IXP Pataca de Galicia, este selo facturou o ano pasado un valor de 3,4 millóns de euros ao comercializar 4,2 toneladas deste produto. Actualmente están inscritos un total de 65 produtores e 9 almacenistas, que traballan un total de 193,15 hectáreas.