Ourense acolle o concurso Tempranillos al Mundo

Santiago Jordi, Buitrón, R. Fdez e Casares
A cidade de Ourense será escaparate dos mellores viños os vindeiros días 8, 9 e 10 de novembro coa celebración da undécima edición do concurso internacional de “Tempranillos al mundo” no que se convoca á súa vez o Certame Internacional de Viños Blancos Galegos. A presentación deste evento vitivinícola tivo lugar no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o presidente nacional de enólogos, Santiago Jordi; o presidente da Asociación Galega de Enólogos, Luis Buitrón; e o director da Estación de Viticultura e Enoloxía, Juan Casares.

Este evento organizado pola Federación Española de Asociacións de Enólogos (FEAE) e pola Asociación Galega de Enólogos (AGE), reunirá durante os vindeiros tres días a recoñecidos especialistas e enólogos de todo o mundo, no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense. 

Santiago Jordi sinalou que este concurso internacional é “un escaparate para o mundo do viño e, tendo en conta o impacto que teñen os viños da zona a nivel internacional era importante que puideramos celebralo aquí nesta edición”. Asemade, o presidente nacional de enólogos explicou que este evento “nace once anos atrás coa idea realizar un concurso da variedade máis representativa en España, “Tempranillos ao Mundo” pero cada vez que imos a unha cidade a celebralo, intentamos promocionar os viños da zona”.

No relativo á participación, Santiago Jordi adiantou que nesta edición hai “450 mostras, das cales 325 son de tempranillo nas cales participaron 103 adegas. Ademais de contar con mostras de 19 zonas de produción españolas, temos de Portugal, Mexico, Chile e Arxentina”. 

Pola súa parte, Luis Buitrón destacou a excepcionalidade de que Ourense sexa a sede deste evento por contar “con catro das cinco Denominacións de Orixe galegas” e que ademais de viño ofrece “historia e termalismo”. En canto á participación galega, o presidente da AGE, dixo que “en total en Galicia temos 125 mostras de 89 adegas das cinco Denominacións de Orixe. Ademais non temos máis mostras porque moitas adegas xa non tiñan viño para mandar, polo tanto penso que os datos son moi interesantes”. 

A programación prevista para os vindeiros días, tal e como explicou Luis Buitrón, comezará ás 20.00 horas do martes coa presentación oficial do concurso, que dará comezo o mércores, 9 de novembro, ás 8.30 horas, con catas ata as 13.00 horas. Posteriormente, realizarán unha visita á zona histórica da vila de Ribadavia. Ás 18.00 horas, será a quenda para unha visita ao casco antigo da cidade de Ourense.