Novas conexións dende Santiago con Frankurt e Múnich

Lufthansa aposta por Galicia contribuíndo ao desenvolvemento actual do aeroporto de Santiago con catro novos voos semanais. A aerolínea xermana conectará Santiago de Compostela tres veces por semana co seu hub internacional de Frankfurt e unha vez por semana co de Múnich. Desta forma, promoverá o tráfico de pasaxeiros de entrada e saída, mellorando así as conexións entre Galicia e os seus destinos en todo o mundo.

Dende Frankfurt, os voos despegarán os luns e xoves ás 09:35 h e os venres ás 09.30, e chegarán a Santiago ás 12:15 h. Os voos de regreso sairán dende Santiago ás 13:35 h e chegarán a Frankfurt ás 16:00h. Dende Múnich, os voos despegarán os domingos ás 08:00 h e chegarán a Santiago ás 10:50 h. O regreso partirá o mesmo día ás 11:40 h e chegará á capital bávara ás 14:20 h. Lufthansa operará as novas rutas a Santiago con modernos avións Airbus A321, con capacidade para 319 pasaxeiros distribuídos en dúas clases de servizo, Business e Economy Class. A compañía xermana ofrece catering gratuíto a todos os seus pasaxeiros en todos os seus voos.

A concelleira de Turismo de Santiago, Marta Lois, agradeceu a aposta de Lufthansa polo aeroporto de Santiago nunha rolda de prensa celebrada no Pazo de Raxoi. Segundo apuntou, a chegada da compañía xermana supón un novo paso adiante do aeroporto, que servirá para consolidar as boas cifras que se están conseguindo neste ano 2016, no que o tráfico está en máximos históricos e roldará os dous millóns e medio de pasaxeiros.

Marta Lois tamén apuntou que Turismo de Santiago aumentará as súas accións de promoción no mercado xermano de cara ao 2017, que xa é dende hai anos un dos mercados prioritarios para a entidade municipal de promoción turística, con múltiples accións dirixidas especificamente a atraer turistas alemáns.

Ademais, tamén fará fincapé nas súas accións de promoción en múltiples mercados das posibilidades que ofrece Lufthansa para chegar a Santiago a través dos seus hubs en Frankfurt e Múnich. Un dos obxectivos prioritarios destas accións de promoción será colaborar con Lufthansa na súa consolidación no aeroporto de Santiago.