Galegos e portuguese norteños como exemplo da Europa das Rexións

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse aos portugueses e galegos como “os primeiros en unir Europa”, proba de que é posible un sentimento supranacional, sen deixar de sentirnos portugueses e españois. 

Feijóo, quen recibiu a insignia da Gran Cruz da Orde do Infante don Henrique de mans do embaixador de Portugal en España, Francisco Ribeiro de Menezes, afirmou que a relación entre o Norte de Portugal e Galicia é a historia do triunfo do pobo sobre os mapas, “de que non existe estranxeiría, senón veciñanza e de que nunca houbo fronteiras mentais, culturais nin humanas”.

Así mesmo, afirmou que ambos os dous territorios tamén aprenderon que as linguas nunca separan, que o uso e posesión de varios idiomas non é unha maldición babélica senón un don. 

“Como país bilingüe, Galicia sempre soubo que esa circunstancia, nacida da historia e da vontade da xente, non era un atranco senón unha vantaxe no mundo aberto”, dixo, lembrando, a modo de exemplo, que en 2014 naceu, co apoio unánime do Parlamento de Galicia, unha lei para reforzar os vencellos coa lusofonía; unha lei que leva o nome de Valentín Paz Andrade -pensador, intelectual, home de empresa e loitador incansable a prol do achegamento das nosas realidades culturais-, “e que impulsa todo tipo de pontes de colaboración, sobre os piares de dúas linguas que agora son irmás, e que nun tempo foron unha”.