Gadisa será un dos principais patrocinadores de "Compostela en Negro"

No que vai de ano producíronse 42 asasinatos de mulleres no conxunto do Estado, 1 en Galicia. Marta Lois explicou que "hai uns días que comezamos a facer un primeiro chamamento aos establecementos e axentes sociais da cidade para que participasen. De novo a resposta está sendo impresionante, contando, a día de hoxe, con cerca de 400 apoios de establecementos e axentes sociais. Destes, en torno a un 50% xa participaron o ano pasado, pero cerca doutros 200 participan por primeira vez".

Son moitos os pequenos establecementos da cidade que quixeron sumarse a esta segunda edición da campaña e, ademais, repiten tamén algunhas das principais firmas galegas. Os centros comerciais de Área Central, El Corte Inglés e As Cancelas, así como a emblemática Praza de Abastos, súmanse tamén a esta campaña que tinguirá de negro os seus establecementos.

En canto aos novos establecementos, obsérvase un incremento significativo do número de bares e restaurantes, axudados polo feito de que o sector turístico estea xa implicado noutro proxecto a prol da igualdade impulsado tamén polo Concello e que leva por nome Compostela, Territorio das Mulleres.

Unha das novidades importantes deste ano é que, dada a grande envergadura desta campaña, é que se está traballando tamén para conseguir patrocinios que nos axuden a asumir a produción do material que se vai empregar. Así, Gadisa xa se comprometeu a facer unha importante achega á campaña global, asumindo o custe dunha parte das camisetas que se produzan nos 16 concellos participantes, converténdose así, por agora, no principal patrocinador desta campaña. Por outra banda, a empresa R vai poñer a disposición da campaña as súas dinámicas redes sociais, incorporando ademais á acción as tendas que estean presentes nos 16 concellos participantes.