Famtrip lusófono de Turismo de Galicia

Un grupo formado por 60 axentes de viaxes procedentes de Brasil e Portugal iniciaron unha viaxe de familiarización co destino Galicia ao obxecto de coñecer a oferta turística galega e incorporala aos seus programas de viaxes organizadas para o mercado lusófono.

Trátase de profesionais adheridos ao operador Shult, que buscan novos destinos para o seu produto ‘Small groups’, dedicado ás cidades, á gastronomía, á natureza e á cultura.

Durante a súa estadía en Galicia visitarán Santiago de Compostela e vilas costeiras e do interior da Comunidade galega que figurarán neste novo produto.

Cabe salientar que Portugal é o principal mercado estranxeiro da nosa comunidade e que ao longo dos nove primeiros meses de 2016, superouse nun 17,5% a cifra de viaxeiros portugueses aloxados en Galicia e nun 14,3% o número de pernoitas en hoteis, en relación ao mesmo período do ano 2015.


Por outra parte, Turismo de Galicia participa en dúas accións de promoción internacional do turismo galego, neste caso na cidade rusa de San Petersburgo.