Cunqueiro, protagonista na penúltima xornada de Cata a Arte

Bodegas Cunqueiro, adega con preto de 100 anos de historia situada en Castrelo de Miño, presentou os seus viños Cunqueiro, III Milenium e Máis de Cunqueiro na penúltima das xornadas do ciclo “Cata a Arte” da man de César Férnández, director de marketing da adega, acompañado da música de Pablo Seoane e José Manuel Díaz. O evento tivo lugar na planta baixa do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, rodeado da exposición conxunta do fotógrafo Rubén Vilanova e do pintor Tonho Ferreiro, “A man verde”, inaugurada o pasado mércores e que tamén se enmarca dentro do Outono Fotográfico.

Durante a acción cultural, o dúo de jazz galego Pablo Seoane e José Manuel Díaz, piano e contrabaixo, interpretaron un repertorio composto por persoais versións de standards así como composicións orixinais. As preto de 100 persoas asistentes ao evento puideron harmonizar de xeito inmellorable as distintas interpretacións do jazz cos tres viños brancos desta adega case centenaria.

Nesta terceira edición, incluíuse un elemento novidoso, o de que cada asistente colabore cun donativo solidario dirixido integramente para a ONG Down Ourense, asociación que ten por filosofía o apoio a servizos que potencien a autonomía e independencia das persoas con síndrome de down, dentro dun entorno normalizado. A todas as persoas que apoien esta iniciativa entran nun sorteo de lotes de viño da adega participante e merchandising vario.