Alter Cata a Arte

Bodegas Alter presentou os seus viños Alter branco e tinto e Priorato de Razamonde branco na segunda sesión do ciclo “Cata a Arte” da man de José Pérez Pousa e Blanca Fernández Montero, director xeral e directora comercial respectivamente, acompañados da poesía e música de Lucía Aldao. O evento celebrouse no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense.

No centro Blanca e Pepe á dereita
Durante a acción, a artista Lucía Aldao, que leva dende os 15 anos exercendo o oficio da poesía ao vivo ou poesía escénica, acompañou a súa voz coa súa guitarra dando forma a un espectáculo onde a palabra foi a auténtica protagonista. 

Nesta terceira edición, incluíuse un elemento novidoso, o de que cada asistente colabore cun donativo solidario dirixido integramente para a ONG Down Ourense, asociación que ten por filosofía o apoio a servizos que potencien a autonomía e independencia das persoas con síndrome de down, dentro dun entorno normalizado. A todas as persoas que apoien esta iniciativa entran nun sorteo de lotes de viño da adega participante e merchandising vario.

O ciclo celebrarase todos os xoves no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, dende o 27 de outubro ata o 1 de decembro con presentacións e degustacións de viños de adegas da D.O. Ribeiro e con accións culturais paralelas.