A conselleira de Medio Rural puxo en valor a futura Agacal

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, puxo en valor o labor da futura Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) como organismo encargado da promoción e protección da calidade diferencial dos produtos galegos. Dixo tamén que servirá para potenciar a calidade da produción alimentaria da nosa comunidade, concentrando as actividades investigadoras e de desenvolvemento tecnolóxico neste eido.

Ángeles Vázquez fixo estas reflexións na clausura da xornada de Análise Sensorial que tivo lugar no centro integrado de formación profesional Compostela, en Santiago. Este foro, que estivo centrado na importancia das características organolépticas (as propiedades que perciben os sentidos dos alimentos) para avaliar os sinais diferenciais dos produtos, foi inaugurado pola conselleira do Mar, Rosa Quintana.

Na súa intervención, a titular de Medio Rural celebrou a coincidencia desta xornada co anuncio –feitopolo presidente da Xunta tras a reunión do Consello– da próxima creación da Agacal. Esta axencia, sinalou, terá tamén como obxectivo da súa actividade investigadora o de responder aos retos científicos e tecnolóxicos aos que se enfronta o sector agroalimentario, vinculados á mellora da súa competitividade.