Vigo aproba o proxecto da estación de AVE de Thom Mayne

Abel Caballero confirmou que o proxecto de integración da estación de Thom Mayne e a estación de Autobuses remitido polo Ministerio de Fomento, a expensas dun estudo técnico máis detallado, contará co visto bo do goberno municipal que tramitará ámbolos proxectos integrados pola vía da Lei 3/2016. 

Para o rexedor, a proposta remitida sobre a estación do AVE, que era a acordada, "parécenos perfecta" e ve "adecuada" a da integración da estación de autobuses, enviada tamén, aínda que aludiu á necesidade de facer algunha "pequena modificación" nunha parte dos accesos á terminal. Segundo explicou, no proxecto recibido polo Concello, o Ministerio de Fomento realizou unha reforma que evita a expropiación de terreos prevista inicialmente, algo que conta co visto bo municipal xa que "correspondía á Xunta e agora hai sobre 300 metros cadrados sobre os que non imos discutir". 

Para Caballero "estamos nun grande momento", ante un dos "grandes logros históricos da cidade" porque a alta velocidade é "vital" para Vigo, sinalando que este era un dos "proxectos estrela" que se propuxo como alcalde. Así, puxo en valor a súa responsabilidade ao promover que o daquela Ministro de Fomento, José Blanco, encargase o proxecto a Thom Mayne, un dos grandes arquitectos do mundo e criticou que o PP intentara paralizalo. Tamén adiantou que o Concello fará suxestións ao que entende como "primeira fase" das obras e que a segunda fase incluirá a construción dunha grande rotonda na zona de Alfonso XIII.